h1

…PRÓXIMA PARADA, EN CULLEREDO

Novembro 12, 2009

Vista da Torre de Celas, museo etnográfico de Culleredo

A oitava etapa da Campaña de Animación Lingüística PALABRAS NO AR, que realiza KALANDRAKA, comeza a partir deste luns día 16 en Culleredo. Esta iniciativa, que se enmarca no programa ‘Bocaberta’ da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta, consiste en sesións de contos e música, obradoiros de oralidade e de escrita creativa, que se desenvolverán ata o 27 de novembro. Participarán máis de 800 escolares de cero a once anos de idade, pertencentes aos CEIP Sofía Casanova, Isaac Díaz Pardo, Ría do Burgo, o CEIP de Tarrío e o CPR Ponte da Pasaxe.

A evolución das actividades poderase seguir diariamente a través da web www.palabrasnoar.org. Como principal novidade, destacan os programas radiofónicos que se emitirán a través de Radio Culleredo, nos que os protagonistas serán os alumnos e alumnas expresándose en galego. As emisións correspondentes a esta etapa da campaña realizaranse na semana do luns 7 ao venres 11 de decembro na frecuencia do 101.2 FM, e tamén se poderán escoitar a través da páxina en Internet de PALABRAS NO AR. Ademais, e como recordo da súa participación, os escolares recibirán de agasallo un CD cos programas de radio emitidos.

Os centros que participan na campaña PALABRAS NO AR van recibir un lote de libros do catálogo de KALANDRAKA e FAKTORÍA K composto polos seguintes títulos: Paco, Orellas de bolboreta, Pequechos das montañas, Un dous tres, que ves?, O poliño da abeleira, Avós, A banda de Vilacendoi, Sopa de soño, Batalla de Naipes e Galego á beira do mar.

PALABRAS NO AR comezou o pasado mes de xuño en Fene e seguiu en Monforte, Santiago de Compostela, Allariz, Ames, A Estrada e Redondela. Ata final de ano as actividades continuarán en Culleredo e Cambados. En conxunto, a campaña vai chegar a uns 7.000 escolares de Educación Infantil e Primaria dos nove concellos.

NOTA INFORMATIVA COMPLETA

Un comentario

  1. […] Pola campaña “Cantar e contar” de Arteixo van pasar ata o seu remate máis de 900 escolares pertencentes aos centros escolares da vila, aos que se suma o público que visitou a mostra. Este programa de actividades está organizado pola Concellería de Cultura do Concello de Arteixo, a Rede de Bibliotecas Municipais e KALANDRAKA. E a partir da próxima semana, no concello veciño de Culleredo, KALANDRAKA comezará a desenvolver as actividades da campaña de animación lingüística “Palabras no ar”. […]



Deixar un comentario