h1

A CREATIVIDADE DE PABLO OTERO

Decembro 21, 2009

 

O ilustrador ourensán Pablo Otero foi un dos invitados de PALABRAS NO AR, ao seu paso por Allariz. Para os escolares desta vila en particular, e do resto de Galicia en xeral, enviou un saúdo e unha petición…

“…Gustaríame pedirvos que forades o máis curiosos posible. Que vos fagades moitas preguntas. Que non teñades medo á hora de saír á rúa e coller cousas que atopedes por aí; cousas que non sexan de ningúen, ou que sexan de todos. Collédeas, cheirádeas. Paus, pedras, madeiras… Atesourádeas, porque moitas veces non se sabe para onde imos tirar. E disfrutade, simplemente!”

Durante a súa participación nos obradoiros de escrita, os alumnos e alumnas do CEIP Padre Feijóo fixéronlle unha interesante entrevista, na que abarcan aspectos tan sorprendentes como a orixe de libros como “Mateo”, “O príncipe das sombras” e “ABCdiario”, ou o significado do concepto creatividade.

-Coñeces Allariz?

Eu paseara moito por Allariz, como moita xente, pero a miña relación directa coa vila comezou hai dous ou tres anos, porque me convidou Marta Somoza, que é arquitecto técnico do Concello, a axudarlle na ampliación da Gardería Infantil Municipal. Alí deseñamos un xardín para os rapaces, para os xogos, e tamén fixen unhas esculturas que son como unha partitura de materias que está pegada por toda a fachada. Encantaríame que a vírades e que a disfrutárades, porque tamén son para vós.

-Que é para ti ser debuxante? Cando soubeches que che gustaba debuxar? Por que elixiches ilustrar contos?

Eu nunca me considerei pintor ou ilustrador; teño traballado en diferentes espazos e técnicas. Por exemplo, traballei moito no teatro facendo escenografías. Tamén fago esculturas e exposicións. Emprego todas as técnicas que podo nun libro, non teño ningún prexuizo con elas. Son como unha caixa de ferramentas na que vou metendo un martelo, un alicate, arame e cousas así. Gústame moito mesturalas e cada vez aprender máis, e relacionar unha coa outra. Por eso veredes que nun libro podo sacar cousas en volume, ou que collo cartón ou caixas de zapatos e píntoas. Ou fago personaxes modelados e despois inclúoos, como por exemplo no “ABCdiario”.

-Pois a min gústame como fas os contos, –di un neno. Como consegues ilustrar tan ben? –pregunta outro. A que idade comezaches a ilustrar contos? –engade un terceiro alumno.

O meu comezo no mundo da ilustración está moi vencellado a algo que facía eu de rapaz na escola, que era debuxar moito nos libros de texto. Xa sei que é unha práctica que non se debe facer. Pero como eu era o pequeno de seis irmáns e daquela os libros pasaban dun a outro, cando chegaban a min, eran de todo menos libro… Entón xa non importaba se lles facía uns debuxos entre as letras. E moito deso quedou. Despois de estudar Belas Artes, seguíanme gustando moito os libros con imaxes, e moitas veces sen texto, só con imaxes directamente. Así que collín un libro que había na casa e que me gustaba moito, e pola miña iniciativa decidín facer os debuxos desa obra, que nunca se ilustrara.

-Por que fas uns debuxos tan raros? Como se chama o primeiro libro que debuxaches?

Chámase “Mateo”, con texto de Paula Carballeira, editado por KALANDRAKA. Foi o primeiro álbum ilustrado que me ofreceron e que fixen. Tamén foi o meu primeiro libro a toda cor, cousa que foi moi interesante. Gustoume moito o texto dende o primeiro momento porque non había naves espaciais, nen todos os nenos podían voar nen facer cousas extraordinarias, senón que eran cousas que nos podían pasar a todos. Recordábame historias que eu lera de rapaz. Algo que me interesou moitísimo foi, que tanto a editorial como Paula, me deron total liberdade. Puiden facer o que quixen. Unha desas cousas foi xogar co espazo e co tempo atmosférico dentro do libro. Por exemplo, se Mateo está dando voltas pola cidade buscando a súa nai, a min gustábame que chovera, que saíra o sol, que houbera charcos na rúa… E fíxeno a través de manchas de cor.

-Que tipo de ilustracións che gusta máis facer?

O que me gusta especialmente, ademais de traballar cos libros, é a creatividade. Como cando fas unha cara cos restos que quedan de comida no prato, ou chamas aos amigos por teléfono e facerme pasar por outra persoa, ou mandar cartas inventándome un personaxe. Paréceme moi importante que o de ser pintor ou ilustrador vén de levar esa creatividade á casa, directamente: a ti, á familia, aos teus amigos… Eu sempre estou facendo bonecos e debuxando historias que ao mellor non van saír en ningures pero, dalgunha maneira, son o motor para que despois xurda facer un libro, ou unha exposición. De pequeno tiña unha colección de pedras que eran “con cara de”: unha tiña cara de marciano, outra era con cara de señor con bigote, outra era con cabeza de polbo… E atesouraba todo eso como se fora máis importante que outros xoguetes. Por eso me chamaban “o merdiñas”, ou “o pauciños”, porque sempre andaba con cousas desas nos petos, inventándome historias.

Que divertido é Pablo Otero. Por esa frescura e pola súa grande imaxinación nos gustan tanto as súas propostas artísticas. Lembrade que a entrevista pódese escoitar no arquivo de emisións radiofónicas correspondente ao PALABRAS NO AR de Allariz, do 15 de outubro.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: