h1

TATÁN, INVITADO ESPECIAL EN REDONDELA

Decembro 18, 2009

PALABRAS NO AR recibe a un invitado moi especial: Eduardo Alberto Rodríguez Cunha, ‘Tatán’. É un dos actores do grupo de monicreques Tanxarina, co que actúa en festivais de toda Galicia e do resto do mundo. Tamén imparte cursos de títeres e sombras chinesas en espazos como a libraría infantil Libros para Soñar, de Vigo. Os nenos e nenas de Redondela descubriron, nunha ampla entrevista, en que consiste este oficio tan antigo e que require tanta mestría.

-Por que traballas para o teatro?

Traballo para o teatro porque me gusta o mundo da farándula. Xa hai moitos anos decidín que a miña profesión ía ser teatreiro, tanto na versión actoral, facendo traballos de actor, traballando para compañías de teatro, como facendo títeres, que é o meu labor fundamental. Esta decisión tomeina con 26 anos, nunca dei marcha atrás, e levo outros 26 anos adicándome exclusivamente ao teatro. Creo que se tes moitas ganas e che gusta o que fas, non debes renunciar nunca a elo. Eu nunca renunciei e síntome moi feliz por todos estes anos adicándome ao teatro. Podería ser médico se estudara Medicina, ou avogado, pero no ano 80 estudei para construir marionetas de fío, e aí quedei, no teatro.

-Que tal é ser famoso? Cal foi a túa mellor actuación? Fuches algunha vez fóra de Galicia?

A nosa compañía, Tanxarina, é moi viaxeira. Viaxamos por toda España, Galicia, Portugal, as illas Azores e América, sobre todo América Latina. Para nós é un pracer poder acudir a sitios onde non hai moitos recursos, como O Salvador, en Centroamérica, ou Cali, en Colombia, onde nos atopamos con lugares onde habitualmente non poden ver teatro. E creo que as nosas mellores funcións son as feitas nestas circunstancias. É dicir, atoparnos con rapaces que sorrín por primeira vez descubrindo os nosos bonecos. Levamos moitos anos traballando nesta profesión, empezamos en Galicia nos anos 80 e todo ese proceso, de ver construir o público durante este tempo, de ver que se vai apreciando a nosa profesión, é o que máis nos fai poñernos contentos. Pero estas funcións para nenos que non poden ver títeres habitualmente, para nós son as máis bonitas.

-É divertido manexar monicreques? Como os fas?

Os monicreques facémolos de moitas maneiras. Primeiro pensamos que obra queremos facer. Reunímonos para decidir facer unha peza de teatriño, empregar un tipo de boneco… Unha vez que tomamos esa decisión, é cando nos metemos a construir os bonecos. E os bonecos son tan diferentes dependendo do que elixas, como tan diferente é a súa construcción. Por exemplo, se decidimos facer unha marioneta de fío, debuxamos o boneco nun papel, como facemos con todos, á medida á que vai ser de verdade. Logo traballamos sobre el, cortamos todas as pezas do boneco. Hai que ensamblalo, pintalo, vestilo e despois finalmente colocámoslle os controis para que mova a boca, ou os ollos, ou que simplemente camiñe. Cada tipo de boneco ten a súa propia forma de construcción.

-Cal é o teu monicreque preferido? Manipulas ben os monicreques? Es capaz de manexar tres monicreques á vez?

Gústanme moito os monicreques. No noso traballo son os protagonistas. Hai moitas clases de monicreques: están os monicreques de fío, que son as marionetas; ou de luva, que saen pola ventaíña, ou os guiñoles… Ou mesmo os traballos máis específicos de mesa, onde actuamos con bonequiños de vara, que a levan metida na cabeza, acompañados ás veces de fíos. É difícil manexar tres monicreques, aínda que non imposible, porque hai moitas fórmulas. De feito, nun dos nosos espectáculos, manexabamos un tándem, que vén sendo como un control longo, onde van pendurados 16 bonecos que bailaban todos á vez. É dicir, que podemos chegar a manexar ata 16 bonecos se nolo propoñemos. O virtuosismo noso é a manipulación de marionetas de fío, que é o que eu estudei en Barcelona nos anos 80. Unha das características da nosa compañía é que nos gusta mesturar moito o traballo actoral co traballo de manipulación. Traballar con bonecos non é tan doado como se pensa. Hai que ensaiar moito, estar enriba deles, arranxalos cando se estraga algún, pintalos… E pódense empregar moitísimos materiais: poden ser de cartón ou de escuma. Un dos bonecos máis queridos por nós na compañía podería ser O Tato, un títere que fai malabares con pelotas e que foi o primeiro boneco construido en Tanxarina, no ano 81.

-Por que te chaman Tatán? Algunha vez pensaches en ser astronauta?

Eu chámome Tatán porque unha das miñas avoas chamábame Eduardo e a outra Alberto, porque eu chámome Eduardo Alberto. E para que non houbera confusión na casa, alguén polo medio dixo “chamámoslle Tatán”. E aínda que estiven fóra de Redondela, porque viaxei moito, volvín á vila. E xa se sabe, cando un ten un alcume nun pobo, é moi difícil despois cos anos tiralo de enriba. Eu son Tatán, o da Pastillera, porque na miña casa facían pastillas de café con leite.

E aínda que vivo no Porriño, son de Redondela e considérome redondelán. De de feito traballo en Redondela, a nosa compañía está en Redondela e gran parte do tempo pásoo aquí. Os meus mellores amigos tamén os teño en Redondela. Sempre me sentín choqueiro.

Eu nunca pensei ser astronauta, porque veño dunha xeración bastante anterior. Quizais o que máis me gustaba era poder voar sen ás. Pero, é tan difícil…

Esta entrevista pódese escoitar integramente no arquivo de emisións radiofónicas de PALABRAS NO AR. Emitiuse o pasado 4 de decembro en Radio Redondela.

E por suposto, Tatán adicoulle un saúdo moi agarimoso aos escolares de Redondela que participaron na campaña PALABRAS NO AR, aos que lles fixo unha importante encomenda…

Saúdo a todos os nenos e nenas de Redondela. Pediríavos unha cousa moi especial. Que sempre que haxa teatro, vaiades. É onde mellor se disfruta. Ide ver os títeres cando os teñamos en Redondela. Xa sabedes que en maio hai un estupendo festival de títeres, no que podedes disfrutar de compañías internacionais. Un bico para todos!

 

Advertisements

2 comentarios

  1. Tatán é fantástico.


  2. Eres mais vello que os titeres que fas. Eres mais novo que o derradeiro titere que fixeches.
    Tatan, non te farás endexamais vello. Serás sempre o mesmo. Eres eterno, coma os titeres.
    Xa non sei se eles se parecen a ti ou ti te semellas a eles.
    Seica sodes da mesma pasta…
    Resiste, Tatan, segue… camiña…adiante



Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: