h1

HISTORIAS PARA NON ESQUECER

Novembro 27, 2009

De entre os buxos do Pazo de Oca chégannos estas historias escritas polos alumnos do Ceip Figueroa no obradoiro de escrita creativa da campaña PALABRAS NO AR. Relatos fermosos elaborados a partir da proposta de Batalla de naipes e que nos  levan por lugares capaces de nos facer perder a memoria. Moito ollo, amarrade ben os vosos recordos, porque poden desaparecer sobre as augas do esquecemento.

Filipinos.

Hai moito, moito tempo, máis ou menos dous días, había un rei de copas chamado Filipino. O rei Filipino vivía moi a gusto no pazo de Oca, pero un día chegou a sota de bastos, que tamén se chamaba Filipino, e díxolle ao rei: -Se non te cambias de nome comezaremos a pelexar-. Pero o rei non estaba disposto a cambiar de nome, así que comezaron a pelexar. Estiveron moito tempo pelexando ata que a sota de bastos tirou o rei ao estanque do esquecemento. Ao caer alí, o rei de copas non lembraba nada. Entón, a sota de bastos díxolle: -Ti chámaste Caramón, e eu chámome Filipino-. Así, grazas a que xa non teñen o mesmo nome, son amigos.

 Os dous reis e o cabalo.

Había unha vez un rei chamado Reinando, que era moi, moi rico, e un día mercou un cabalo chamado Furia. Foi con el a moitas partes, pero o cabalo non estaba feliz. Un día, atopouse cun home e a este pareceulle un cabalo moi bo, así que lle ofreceu moitos cartos ao rei por el. O rei, que era moi avaro, aceptou os cartos. Un día, foron ao pazo de Oca, ao estanque do esquecemento. Alí atopáronse os dous reis, e Reinando, ao ver que o outro rei ía moi elegante e mellor vestido ca el, preguntou como era tan rico, xa que era máis coñecido ca el. E o rei dixo:

-O teu cabalo, se é ben tratado, pódeche ofrecer moito, xa que este pobre cabalo ao que ti tratabas coma lixo, pode conceder desexos.

Reinando quíxolle mercar o cabalo, pero o rei dixo:

-Tiveches o cabalo e desprezáchelo, agora que vés con avaricia, amólaste.

Así, marchou o rei co cabalo dos desexos.

 

 O rei olvido.

Había unha vez nunha aldea un home que tiña un cabalo negro. Un día, cando ía cara ao pazo de Oca, atopouse cun home que lle dixo: -Se tiras dúas moedas romanas serás o rei do pazo de Oca. E así foi, o cabaleiro tirou dúas moedas romanas e en dous segundos viuse cunha capa vermella, unha coroa amarela e unha espada de ouro. Pasaron oito anos e o rei do pazo de Oca tiña un fillo. Un fillo moi bo, que daba todo aos máis pobres. Pero un día díxolle o seu pai: -Non tires cos cartos, que por moito que gañemos temos que conseguilos, para darllos aos criados para que nos dean de comer. Pero o fillo, que era moi bo e listo, tirou o seu pai no estanque do esquecemento. O pai, cando se levantou do estanque, díxolle ao fillo: -Ti es o meu pai e es sota, fillo do rei Amador de París.

 

Os mellores amigos do mundo.

Había unha vez un cabalo chamado Toliño, que non facía máis que correr, e ao home que o levaba tamén lle gustaba facer das súas, e dicir, ter moito diñeiro, por algo lle chamaban o Cabaleiro de Ouros. Un día que foron a visitar un pazo, pasaron por unha ponte moi vella, entón, co peso do diñeiro que levaba o cabaleiro, o cabalo botou a correr. Pasaron por un estanque chamado do esquecemento. Ao pasar por esa ponte, onde estaba o lago, esqueceulle todo. Ao cabalo Toliño olvidóuselle que lle gustaba correr e ao cabaleiro, que lle gustaba o diñeiro. Entón, encontráronse cunha sota, a Sota de Ouros. A ela gustáballe andar, pero tamén lle gustaba moito o diñeiro, daquela convenceu o cabaleiro para que fora coma ela, a sota. Ao cabaleiro comezou a gustarlle o ouro coma antes, e o cabalo comezou a andar, pero lentamente, como a sota. Ao final foron os mellores amigos e sempre andiveron xuntos e compartiron os seus aforros.

Esperamos de corazón que non sufrirades os males do esquecemento e que sempre vos lembredes de seguir a andaina de PALABRAS NO AR polas escolas de Galicia a traves deste blog.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: