h1

XA FALTA POUCO PARA A PUBLICACIÓN DO LIBRO-DISCO “TIC-TAC”

Xullo 17, 2009

«Un saúdo moi grande para todos os nenos e nenas de Compostela. Espero vervos moi pronto nos concertos que daremos para presentar o disco Tic-Tac

O músico Pablo Díaz, que ameniza cos seus instrumentos as sesións de contacontos de KALANDRAKA, é un dos protagonistas de PALABRAS NO AR. Á volta do verán publicarase neste selo editorial o seu primeiro libro-disco, “Tic-Tac”, con ilustracións de Marc Taeger

…Na seguinte entrevista, que se pode escoitar no espazo radiofónico desta campaña de animación lingüística, o intérprete e compositor dános as claves para coñecer esta nova proposta dirixida a nenos e nenas a partir de tres anos de idade.

«Tic-Tac é un traballo musical no que, dunha maneira lúdica, se fai un percorrido por distintos ritmos nos que abarcamos a universalidade da música. Aparecen melodías e instrumentos moi variados para enriquecer esa música. O tratamento musical tamén varía de tema a tema. As cancións abordan cada unha un ritmo musical distinto ou unha temática diferente. E con varios instrumentos: da música clásica, do jazz, do folk e mesmo da música tradicional. Todo esto, cantado en galego, para que teñamos unha maneira divertida de poder gozar con toda esta música.»

Pablo Díaz interpretou "Tic-Tac" na clausura da IX Campaña de Animación á Lectura de Santiago, con acompañamento de acordeón e guitarra

Moitos nenos e nenas de Santiago e da bisbarra compostelá que participaron nas actividades da IX Campaña de Animación á Lectura -organizada pola Concellaría de Educación e por KALANDRAKA- xa coñecen algunhas composicións. Tampouco lles son alleas aos oíntes habituais do programa radiofónico PALABRAS NO AR, cuxa sintonía de cabeceira e de despedida é o tema que lle dá título ao libro-disco.

Así pois, cunha variedade de estilos que van dende o swing ata o rock, pasando polo jazz ou o blues, “Tic-Tac” convértese nunha proposta ideal non só para escoitar na casa, senón tamén na escola, como complemento das clases de Educación Musical. Por outra banda, as cantigas abordan temas próximos aos cativos, como a natureza, o mar, os animais ou o fogar, de xeito que se lles proporciona vocabulario e fórmulas de expresión a través da música.

«Dentro do disco “Tic-Tac” aparecen diversas temáticas. Hai temas coñecidos por todos os nenos de Compostela, como “Un dous tres, que ves?”. E tamén cancións nas que se fai referencia a elementos da casa e da cociña, a natureza, o mar ou os animais. Cómpre salientar ademais que é un traballo para compartir entre pais e fillos. E que o poden cantar tamén cos mestres de música, de lingua ou doutras materias. Por exemplo, o tema titulado “O Moucho” está interpretado pola miña filla, á que lle gusta moito, por eso fixemos un arranxo para poder cantalo xuntos

Unha das ilustracións de Marc Taeger para o libro-disco "Tic-Tac", realizada coa técnica do linóleo

Pois ansiosos estamos por ler as letras, tararear as melodías, admirar as ilustracións e, sobre todo, cantar en galego e bailar, ao ritmo do “Tic-Tac” de Pablo Díaz e dos músicos que colaboran neste proxecto tan marchoso. Estade atentos ao BLOG K e á páxina web de KALANDRAKA, onde se dará información puntual sobre o lanzamento deste traballo discográfico-editorial, sobre o laborioso proceso de elaboración das ilustracións por parte de Marc Taeger e sobre o calendario de actuacións para a presentación oficial desta nova obra, a partir do próximo curso escolar. Ata daquela, aínda que xa falta pouco, quedamos con Pablo e con Patricia, o tándem narrativo-musical de PALABRAS NO AR que deleita aos máis cativos nas sesións de contacontos.

Pablo e Patricia, músico e contadora de PALABRAS NO AR e de KALANDRAKA

Advertisements

One comment

  1. Que ben soa o Tic-Tac. Moi logrado e pegadizo. E con baile e todo! 😉



Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: