h1

ENTREVISTAMOS A PAULA CARBALLEIRA

Xullo 9, 2009

Paula Carballeira, coas torres da catedral de Santiago ao fondo, saúda aos nenos e nenas de PALABRAS NO AR

Ola, son Paula Carballeira, e quería mandar un saúdo a todas as nenas e nenos, especialmente aos de Fene e das parroquias. Moitos bicos, grazas por participar en PALABRAS NO AR, e que as vosas palabras voen polos aires e poida escoitalas eu aquí, en Santiago de Compostela.

A polifacética Paula Carballeira foi unha das invitadas de honra de PALABRAS NO AR. Envioulles un agarimoso saúdo aos nenos e nenas da súa vila natal e contestou ás preguntas dunha interesante entrevista que lle fixeron os escolares dos CEIP da Xunqueira e do Ramo sobre as súas facetas como escritora, actriz, directora teatral, narradora…

-Onde fixeches os teus estudos de Primaria e Secundaria?

-Pois Primaria estudei nos módulos de Maniños, aí ao lado do campo da festa, e logo fun ao colexio O Ramo de Barallobre. E despois Secundaria tamén no Instituto de Barallobre.

-Con cantos anos empezaches a escribir?

É difícil contestar a iso porque non me lembro exactamente. Sei que cando ía por sexto de Primaria tiña unha profesora que nos animaba a todos a escribir contos para practicar galego e facer cousas imaxinativas. Daquela penso que foi cando empecei a escribir e a facer contos. Logo xa foi a máis…

-Cando empezaches a escribir contos para nenos?

-Eso xa foi máis tarde porque eu ao principio escribía pero non sabía para quen era aquilo. Deixábao para que a xente que o lese decidise. E logo xa conscientemente decidín facer cousas para nenos e nenas cando xa empecei a traballar con eles. Xa estaba en Santiago e debía ter uns 20 anos.

-Quen che inspira os contos que escribes?

-Inspírame moito a xente que eu coñezo. Si escribo para nenos, inspíronme en moitos dos nenos que eu coñezo; moitos dos libros teñen nomes de nenos e nenas que coñezo. Tamén as persoas que están ao meu redor, as viaxes que fago, os sitios a onde vou e a xente que coñezo neles. Todo eso me inspira para escribir.

-Como escribes os libros?

-Unha vez que viaxo e coñezo a algunha persoa interesante que me fala dalgunha boa historia. Logo póñome na casa, primeiro os escribo á man moitos deles, e logo no ordenador. Despois os releo unha vez e outra vez ata que me digo ‘xa está’. E logo quedan aí ata que a alguén lles interesa e poidan saír á luz, fóra do meu ordenador e da miña libreta.

-Cal foi o conto que escribiches que máis graza che fixera?

-Hai contos que me gustan máis por unhas cousas, e contos que me gustan tamén por outras. Contos que me fixeran graza por seren divertidos, son os dun libro que escribín que se chama “Un porco e unha vaca xa fan zoolóxico”, no que os protagonistas eran moi divertidos. E logo hai contos que para min teñen outras cousas que me fan graza, como “Mateo”, “Paco” ou “Smara”, que transcorre no Sahara, e teño unha relación especial con eles.

Obras de Paula Carballeira editadas por KALANDRAKA

-Cal é o libro que máis che gustou?

-Hai moitos libros que me gustan. Un dos libros que máis me gustou desde sempre foi “A historia interminable” e tamén “Momo”, do mesmo autor. Tamén me gustan moito os contos góticos, de medo, entón aí están os contos de Poe. Hai moitos autores e autoras galegos de literatura infantil que me gustan moito, como Xabier Docampo ou Gloria Sánchez. Polo xeral, gústame todo o que escriben. De Xabier, “Cando petan na porta pola noite” ou “Sete casas, sete bruxas e un ovo”, de Gloria.

-Cal foi o conto que máis che gustou de todos?

-Moitas veces son contos e me contan ou dos que me fala alguén. Hai moitos contos de Mia Couto, que é un autor de Mozambique que me gusta moito e que me recomendou un amigo. E por suposto, os contos que me contou miña nai, que son favoritos. Contos que me contan amigos e amigas, de tradición oral ou das cousas que lles pasan a eles.

-Cal dos teus traballos che gusta máis: escritora, actriz, poeta ou contacontos?

-Non podería escoller un porque todos me dan algo diferente. Gústame moito de contar contos o feito de estar coa xente, cunha comunicación moi directa. O teatro gústame moito porque traballo con máis persoas, mentres que de contacontos traballo eu soa. En teatro somos moitos: no escenario, nas luces, no vestiario, na dirección… E na televisión traballo aínda con moitas máis persoas, é outra maneira de traballar que tamén me gusta moito. O feito de escribir gústame porque estou eu totalmente soa, sen ninguén. Todas as cousas me aportan algo.

-É moi canso traballar en tantas cousas?

-Si! (Risos). Si, é moi canso, sobre todo cando cadran todas xuntas… Se vas traballando unha, despois outra, e despois outra, non é tan canso. O bo é que como son todas cousas tan bonitas, non cansan moito.

-Que se sinte sendo Paula Carballeira?

-(Risos) É que claro, eu como sempre fun Paula Carballeira, non sei comparalo con non selo. Ás veces síntome moi contenta, ás veces síntome triste… Como calquera persoa sendo calquera persoa. Entón eu síntome moi ben sendo Paula Carballeira, pero tampouco fun outra cousa…

Podedes escoitar esta conversa con Paula Carballeira no derradeiro espazo radiofónico PALABRAS NO AR que se emitiu en Radiofusión Ferrolterra ou premendo no seguinte reproductor.

 

Advertisements

One comment

  1. O post de PALABRAS NO AR coa entrevista a Paula Carballeira, tamén en FaceBook!
    http://www.facebook.com/ext/share.php?sid=100069980546&h=NS7Zj&u=zUt_p&ref=nf



Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: