h1

CONVERSA CON XULIO GAYOSO

Xullo 6, 2009

O ilustrador Xulio Gayoso, autor de "A banda de Vilacendoi", entrevistado por PALABRAS NO AR

Chámome Xulio Gayoso e son o autor de “A banda de Vilacendoi”, do que fixen o texto e as ilustracións. Son de Lugo e vivo actualmente en Cambados, nas Rías Baixas. E quero mandar un saúdo moi especial aos nenos e nenas de Monforte de Lemos, que é unha zona para min moi querida porque representa un espazo moi importante da Galicia interior, onde eu tiven grandes amigos. Un amigo meu inesquecible foi Manuel María, e a súa muller Saleta, que me acolleron moitas veces na súa casa, sobre todo na época das festas de Monforte. Por tanto, en Monforte fun moi feliz.

Velaquí o saúdo do autor e ilustrador Xulio Gayoso para os nenos e nenas de PALABRAS NO AR. Entrevistamos a Xulio para o programa de radio emitido a través das ondas de Radiofusión Monforte, porque “A banda de Vilacendoi” é un dos libros cos que traballan os escolares nos obradoiros de oralidade, e forma parte tamén do repertorio de contacontos.

Xulio Gayoso (Lugo, 1954), é mestre de debuxo nunha escola de Cambados. Aínda que a ilustración é o seu xénero preferido, tamén realizou traballos de pintura e de cerámica. Colaborou en diversas publicacións con varias editoriais, revistas e xornais galegos. Pedímoslle que comparta con todos nós o que el quería transmitir ao escribir e ilustrar esta entrañable historia sobre o rural galego, a emigración e a multiculturalidade.

Nun momento dado da miña vida, eu plantexeime facer un libro para nenos, por unha razón moi sinxela: porque tiña fillos pequenos. Gustábame que leran un libro escrito por min. Pero antes que nada, eu son ilustrador; o que me gusta é debuxar e, particularmente, músicos. Para min, os músicos teñen un encanto especial. Como eu son de Lugo, recordaba da miña nenez unha banda que houbera, nunha aldea rural que se chama Vilacendoi, que existe, moi cerca da cidade. E entón empecei a construir esa historia. O que quería que estivera presente e que os meus fillos o puideran entender, é como era a vida no interior de Galicia, nunha aldea rural, onde os labregos traballaban nas leiras e tiñan vacas. Eran aldeas alegres porque había moitos nenos, non como agora que están desaparecendo. Na historia aparecían os acontecementos dunha aldea do interior na miña época: como a aldea foi esmorecendo pouco a pouco, a xente tivo que marchar á emigración, as casas quedaron abandonadas… Cousas que pasaron na realidade, como unha metáfora do que pasou non só nas aldeas galegas, senón tamén no resto de Galicia.

Ilustración de "A banda de Vilacendoi", do autor Xulio Gayoso

E falando de nenez, como recorda Xulio os seus anos mozos en Lugo…

A miña nenez foi moi feliz e ademais tivo unha particularidade. Eu son de Lugo, pero xusto no límite da cidade, de forma que se eu miraba cara ao sur, vía Lugo e a muralla, que estaba cerquiña da miña casa. Sen embargo, se vía para o norte, había aldeas, casas de labranza, vacas e xente traballando nas leiras. Por tanto, aínda que son da cidade de Lugo, participei da parte urbana e tamén da rural, o que me deu unha visión máis ampla do que era Galicia.

Agora xa coñecemos un pouco máis ao artífice de “A banda de Vilacendoi”, que se despide de PALABRAS NO AR con estes bos desexos para a tempada estival.

Deséxovos a todos unhas voas vacacións de verán, que seguro que merecedes despois dun ano de moito traballo. Estou moi satisfeito e feliz de que teñades traballado co meu libro e despídome agardando que nos volvamos atopar noutra ocasión.

Moitas grazas, Xulio, pola túa amable colaboración con PALABRAS NO AR, por achegarnos ao pasado recente da nosa terra, e por deixarnos unha mensaxe de futuro aos nenos e nenas de Monforte e do resto de Galicia: “Se pretendes ser universal, fala da túa aldea”, como dixo Tolstoi.

3 comentarios

  1. Noraboa a todos os que facedes posible palabras no ar, aos meus nenos gustáronlle moito os contacontos de kalandraka, especialmente “A banda de Vilacendoi”.
    Grazas ao autor por este precioso texto. Agardamos o seu próximo libro.
    Grazas tamén pola entrevista e por descubrirnos tantas cousas.

    Veronica. Santiago 2009


  2. […] medio e medio dun souto está Vilacendoi, a miña aldea” Con esta suxerente frase Xulio Gayoso comeza o libro A banda de Vilacendoi pero moi ben nos puidera servir para describir o noso seguinte […]


  3. […]  Xulio Gayoso, autor e ilustrador de A banda de Vilacendoi, abriunos camiño facéndonos reflexionar na súa tenra historia sobre o fenómeno da emigración. Por iso lembramos a Rosalía de Castro, quen tan ben reflectiu este drama social e persoal para tantos galegos e galegas. Escoitade este poema lido polos alumnos de Almeiras e que foi tirado da obra Rosalía de Castro. Escolma Poética publidada por Faktoría K de Libros. […]



Deixar un comentario