h1

NOVA PROPOSTA PARA OS COMEDORES SANTIAGUESES DESDE O COLEXIO PIO XII

Xuño 30, 2009

Obradoiro de escrita  no CEIP Pío XII

Os alumnos do CEIP Pío XII, de Santiago de Compostela, están a participar na escola de verán. Entre as actividades nas que participan destacan os obradoiros de escrita creativa, da campaña PALABRAS NO AR, de KALANDRAKA. Neste recuncho do ciberespacio amosamos un anaco da súa imaxinación, cun orixinal recetario do que escollemos unhas cantas propostas literario-culinarias. Esta proposta narrativa nace do libro Sopa de soño, de José Antonio Ramírez e Riki Blanco. Gozade desta explosión de sabores con nós!

 

Sen dúbida, despois de ler esta pequena escolma de receitas de cociña, o curso que vén será ben distinto nos comedores de Santiago, e todos poderemos saborear pratos como estes:

empanada de bicos Empanada de bicos:

 Para facer esta receita hai que empregar unha boa masa de tinta de lura. Despois pintamos os beizos con ‘ketchup’ e dámoslle uns cantos bicos por enriba da tinta. Despois de todo isto poñémolo á carón da estufa vinte minutiños; e con isto, a receita está rematada. Estaría ben para unha cita co teu mozo!

Que boa pinta ten este ‘entrante’, tan gorentoso e visual. O menú segue cunha comida ao estilo das mellores mariscadas:

parrulo ao vapor Parrulos de goma ao vapor:

Para conseguir os parrulos de goma… é aconsellable cantarlle unha nana a un naipelo para que durma e, de seguido, collerlle os parrulos cos que xoga no baño. Como tes que preparar vapor, podes ducharte ti de paso. Debes pechar a porta do baño e nunha garrafa meter os parrulos; pouco a pouco irase producindo o vapor. Para que estean saborosos podes engadirlle unha pisca de perexil.

Os últimos pasos son botarlle dez mililitros de auga de mar e metelos no lavavaixelas e…  Parrulos listos!!!

Advertencia: sen conservantes nen colorantes. 

Para continuar con este suculento repertorio gastronómico, imos a un prato máis consistente. Pero coidado, porque esta comida pode conter algún que outro enganche ou resorte polo medio, así que, comede con tento:

Salteado de teclas de ordenador:

É obvio que o fundamental é un ordeenador (polo menos o teclado), a non ser que queiras ser perseguido pola policía por ter roubado un teclado de ordenador. Os mellores teclados para facer o salteado son os dos ordenadores portátiles. Para sacar as teclas do teclado necesitarás un coitelo. Despois déixaas cocer unha noite. É a mellor forma de abrandalas. É importante engadirlle unha miga de aceite. Á mañá seguinte engádenselle unhas patacas cocidas e cortadas, e déixanse no forno toda a mañá. A media mañá engádenselle unhas pingas de aceite; e á hora de comer, xa está listo o salteado. Ofrécello aos teus amigos, á túa familia, aos teus veciños…

O mellor para combinar é botar as teclas sen as patacas no medio dunha lasaña de carne.

Para non quedar con fame, presentamos un prato moi nutritivo, provisto dunha especial plasticidade. Non deixedes de probalo!

Guiso de adornos de Nadal:

Conséguese unha póla de piñeiro de verdade con follas. Acto seguido, colles os adornos máis grandes da árbore de nadal. Colocas os adornos enriba da folla e prendes lume debaixo. Aconsélloche que prendas lume queimando palmeiras de mentira das que se empregan no belén. Facemos neve fritida e collemos a casiña na que estaba Xesús de pequeno. Préndese lume na casiña e poñemos a neve (todo se pode atopar no nacemento). Enriba dos adornos bótase a neve fritida. Para o toque final, ponlle polviño de estrela para darlle un ton azucrado. Finalmente, adórnanse os pasteliños cos elementos do belén.

Tranquilo, se queres saber máis receitas, compra o próximo libro!

 E para rematar este menú do día un tanto selecto, podemos rematar cun prato que vai ser do agrado dos mellares paladares:

CDs de música clásica á prancha Cd’s de música clásica á prancha:

 Primeiro cómpranse cd’s de música clásica nunha escola, e unha prancha nunha discoteca. Os cd’s frescos métense na prancha e, se soa a música, é que vai saír ben.

Velaquí a proposta dos nenos e nenas composteláns para as cartas dos restaurantes. En próximos episodios do blog de PALABRAS NO AR atoparedes novos recunchos para a fantasía e suxerencias do máis imaxinativo.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: