Aquí tedes un novo xogo de adiviñas, nesta ocasión froito do traballo dos nenos e nenas do CEIP Figueiroa da Estrada nun dos talleres de oralidade de PALABRAS NO AR. Facede como Xan, collede unha boa lente e aventurádevos no coñecemento desta clase de veciños que ás veces pasan inadvertidos.
Coñecédelos? Pois si, son Manuel e Manuela, os protagonista de Avós, a entrañable historia escrita por Chema Heras e ilustrada por Rosa Osuna que podedes ler nas vosas bibliotecas. A súa vida, como a dos vosos propios avós, foi moi diferente á nosa: os xogos, a forma de divertirse, os seus traballos, a música que adoitaban escoitar…e ata a forma de falar ou de comunicarse era diferente. Por iso, en PALABRAS NO AR quixemos adicar parte dos obradoiros de oralidade a pensar e a expresar esas diferenzas. Continuade a ler e mergulládevos nun anaquiño do noso pasado.
O equipo de PALABRAS NO AR e os nenos e nenas do CEIP Santo Paio de Abaixo propoñémosvos un novo xogo: pequechos da ría… de Redondela!
Esta proposta, desenvolvida nun dos obradoiros de oralidade con nenos de 5º curso de Educación Primaria, está inspirada na colección Pequechos, editada por FAKTORÍA K. Collede papel e lapis e ide anotando os vosos acertos neste divertido enredo cos animais mariños. Despois, comprobade a puntuación obtida na táboa que tedes abaixo. Atrevédesvos a pescar?
Hoxe en día as novas tecnoloxías permítennos cousas que ata hai ben pouco eran impensables. Por exemplo, poderiamos sobrevoar o concello de Ames sen nin sequera movernos da cadeira. Mais, cando queremos coñecer un lugar de verdade, só podemos facelo percorrédoo polo miudo, de vagar, escoitando a súa xente… E iso é o que vos propoñemos de seguido. Escoitade o que contan os nenos e nenas de Ames sobre o lugar onde viven, e aprendede a ver a xeografía, o espazo e a paisaxe a través da ollada dos nenos. Unha escoita indispensable para os que queiran construir un mundo mellor.
Se hai unha data sinalada no calendario de festas de Allariz, esta é a da FESTA DO BOI. Todos os nenos da vila admiran este enorme e fermoso animal. Pero en PALABRAS NO AR quixemos saber se coñecían algún máis. Por iso, unha das propostas do Obradoiro de Oralidade foi a titulada “Pequechos do cortello“.
Abride estas vellas portas, traspasade o umbral da curiosidade e xogade con nós ás adiviñas protagonizadas por diversos animais domésticos. Os seus autores son escolares de 3º curso de Primaria do CEIP Padre Feijóo, que tomaron de exemplo os títulos da colección PEQUECHOS. Atrevédesvos?
PALABRAS NO AR segue a deparar sorpresas marabillosas. Hai algúns días, atopamos un importante achado: un antigo libro que durmía no faiado dunha vella escola en Santiago de Compostela. Despois de limpalo con moito agarimo, puidemos abrir as súas páxinas e descubrir que se trataba dun libro galego de refráns recollidos por un mestre de escola hai máis de 200 anos . Pero… o tempo non pasa en balde, e naquel libro había liñas que non podiamos ler por mor das manchas que a humidade foi deixando co paso dos anos. Con moito traballo e coa axuda dos nenos e nenas composteláns, puidemos recompoñer as liñas que faltaban. E pareceunos un labor tan divertido, que tamén volo propoñemos a vós. Descubride:
Ás beiras do santuario de san Lázaro, no barrio das Fontiñas, as nenas e nenos da escola de verán de Compostela fixeron un alto nas súas actividades ao aire libre para agasallarnos con un novo recetario cheo de orixinalidade e preparado para os padais máis exquisitos.
Esta proposta parte do libro Sopa de soño de J.A. Ramírez Lozano que ofrece orixinais e surrealistas receitas como a que podedes escoitar a continuación na voz dun pequeno das Fontiñas
Os alumnos da Escola Municipal de Verán de Santiago de Compostela que se desenvolve no CEIP das Fontiñas estiveron e traballar un pouquichiño coas coplas. Neste obradoiro organizado por KALANDRAKA no marco da campaña Bocaberta, que parte da proposta de “A banda de Vilacendoi“, as nenas e nenos tiveron a oportunidade de reescribir parte da nosa tradición oral grazas a un exercicio no que eles mesmos inventaron unha parte dos versos.
Estreamos un novo e atractivo formato para o seguemento da campaña! O equipo de PALABRAS NO AR preséntavos esta divertida montaxe audiovisual coas voces dos nenos e nenas do CEIP A Gándara, de Monforte, que participaron nos obradoiros de oralidade cunha proposta baseada na colección “Pequechos”, de FAKTORÍA K. Xogades connosco ás adiviñas de animais?
PALABRAS NO AR trasládase nesta ocasión á Idade Media cos nenos e nenas do CPR Ferroviarios de Monforte. Queredes vir? Acompañadenos nesta viaxe no tempo e disfrutade das máis imaxinativas historias de reis e raiñas e dos máis fermosos poemas recitados polos nosos protagonistas.
PALABRAS NO AR é a campaña de dinamización lingüística promovida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación da Xunta de Galicia e desenvolvida por KALANDRAKA EDITORA.