Esta é unha pequena mostra do obradoiro desenvolvido polo equipo de PALABRAS NO AR no CEIP Porto Cabeiro de Redondela. Alí, aproveitando a experiencia de nenos e nenas na construcción de personaxes con elementos de reciclaxe, quixemos animalos a pensar, debuxar e describir cadanseu monicreque. Que mellor lugar que Redondela para renderlle unha merecida homenaxe ao teatro de títeres e aos seus protagonistas…
continúa coas súas emisións en Radio Redondela. Acendede os vosos receptores ás 14:10 horas e sintonizádeos no 94.4 ou 94.9 da FM para escoitar o que teñen que contar os nenos e nenas desta vila. E coma sempre, tamén no blog. Xa tedes aloxado o do martes 1 de decembro!
Permanecede atentos aos vosos receptores para cazar ao voo as PALABRAS NO AR dos nenos e nenas de Redondela. E coma sempre, poderedes escoitar tamén os programas a través do blog.
Preséntavos de seguido outra aportación ao mundo da gastronomía das palabras e da imaxinación: uns deliciosos menús de outono elaborados polos nenos e nenas do colexio de Quintela (Redondela) nun dos obradoiros de PALABRAS NO AR. Entrantes, primeiros e segundo pratos, sobremesas…Aguzade os vosos sentidos para saborear as receitas máis orixinais da cociña de tempada.
Coñecédelos? Pois si, son Manuel e Manuela, os protagonista de Avós, a entrañable historia escrita por Chema Heras e ilustrada por Rosa Osuna que podedes ler nas vosas bibliotecas. A súa vida, como a dos vosos propios avós, foi moi diferente á nosa: os xogos, a forma de divertirse, os seus traballos, a música que adoitaban escoitar…e ata a forma de falar ou de comunicarse era diferente. Por iso, en PALABRAS NO AR quixemos adicar parte dos obradoiros de oralidade a pensar e a expresar esas diferenzas. Continuade a ler e mergulládevos nun anaquiño do noso pasado.
O equipo de PALABRAS NO AR e os nenos e nenas do CEIP Santo Paio de Abaixo propoñémosvos un novo xogo: pequechos da ría… de Redondela!
Esta proposta, desenvolvida nun dos obradoiros de oralidade con nenos de 5º curso de Educación Primaria, está inspirada na colección Pequechos, editada por FAKTORÍA K. Collede papel e lapis e ide anotando os vosos acertos neste divertido enredo cos animais mariños. Despois, comprobade a puntuación obtida na táboa que tedes abaixo. Atrevédesvos a pescar?
PALABRAS NO AR está de noraboa. Celebramos a ‘entrada’ número 100 deste blog, co que facemos un seguemento constante á campaña de dinamización lingüística coa que KALANDRAKA está percorrendo a xeografía galega. Queremos compartir este logro con toda a comunidade escolar, cos bibliotecarios e libreiros, cos lectores cativos e grandes que visitan este modesto recuncho da rede. Ogallá haxa cen motivos máis para seguir festexando o achegamento dos nenos e nenas galegos á nosa lingua e á nosa cultura. Moitas grazas por acompañarnos neste fermoso camiño de palabras, músicas e voces.
A seguinte xornada de PALABRAS NO AR en Redondela levou a actividade de contos con música ata as parroquias de Quintela e de Ventosela. Como noutras ocasións, música e contos para animar os máis pequenos no emprego da nosa lingua.
Velaquí unha mostra dos traballo que atopou o equipo de PALABRAS NO AR na súa visita ao CEIP Outeiro das Penas. Semella que o outono ten chegado a Cesantes… É, pois, tempo de castañas, de magostos, de chuvias e de contos. Por iso, como hai moitos, moitos anos, recollémonos -maiores e pequenos- en torno ao poder evocador da música e da palabra.
A EEI A Marisma e o CEIP Santa Mariña foron outras paradas de PALABRAS NO AR no seu itinerario por estas terras. Alí, e cos ecos recentes da celebración do Samaín, acochámonos nunha preciosa biblioteca para contar e cantar cos nenos e nenas da vila de Redondela.
Velaquí un fermoso mural que decora unha das paredes do CEIP de Trasmañó. Nel podemos ver un retrato de Néboa, un coelliño branco que acompaña os nenos e nenas no colexio. Mesmo o levan para as súas casas nas fins de semana. Xunto con outros personaxes imaxinarios, Néboa tamén foi protagonista dos contos como os que viaxan a cotío na maleta dos contadores de KALANDRAKA.
A primeira xornada de PALABRAS NO AR no Concello de Redondela levounos ata a parroquia de Chapela, onde o equipo de contadores de KALANDRAKA visitou -coas súas maletas cheas de historias e instrumentos- os colexios de Angorén e de Laredo.
Hoxe estreamos unha nova sección no blog de PALABRAS NO AR para o que agardamos contar coa vosa inestimable colaboración: A ENQUISA.
Neste novo espazo preguntaremos a vosa opinión sobre diferentes aspectos do desenvolvemento da campaña. E para comezar propoñemos que nos digades cal dos contos de PALABRAS NO AR é o que máis vos gusta.
Buscade máis abaixo na barra lateral o lugar onde podedes facer a vosa escolla.
KALANDRAKA participa na campaña de Dinamización Lingüística “Bocaberta”, da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta, cun programa renovado de actividades co lema PALABRAS NO AR, dirixido a uns 7.000 escolares de Educación Infantil e Primaria de nove concellos galegos: Fene, Monforte, Santiago, Ames, Allariz, A Estrada, Redondela, Culleredo e Cambados. O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, presentou hoxe en Compostela a campaña “Bocaberta”.
You are currently browsing the archives for the Redondela category.
PALABRAS NO AR é a campaña de dinamización lingüística promovida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación da Xunta de Galicia e desenvolvida por KALANDRAKA EDITORA.