PALABRAS NO AR está de noraboa. Celebramos a ‘entrada’ número 100 deste blog, co que facemos un seguemento constante á campaña de dinamización lingüística coa que KALANDRAKA está percorrendo a xeografía galega. Queremos compartir este logro con toda a comunidade escolar, cos bibliotecarios e libreiros, cos lectores cativos e grandes que visitan este modesto recuncho da rede. Ogallá haxa cen motivos máis para seguir festexando o achegamento dos nenos e nenas galegos á nosa lingua e á nosa cultura. Moitas grazas por acompañarnos neste fermoso camiño de palabras, músicas e voces.
Escoitade xa no blog os primeiros PALABRAS NO AR emitidos o luns, martes e mércores en Ames Radio e acompañade os nenos e nenas desta localidade no seu percorrido por distintos aspectos da nosa lingua e da nosa cultura. Contos, música, coplas, adiviñas, poesía, creacións literarias… sorprenderanvos na voz dos máis pequenos. Ademais, contamos nestes programas cunha convidada especial, Filomena Fraga, madriña de honra de Ames Radio e muller entranable e xenerosa que compartiu con todos nós a súa sabedoría.
Continuade atentos ao blog ou cazade as PALABRAS no ceo de Ames, cos vosos receptores de radio.
Terra da Barcala. Lugar de Ames. Ano 2009. No campo de batalla do Pazo da Peregrina víronse as caras os alumnos do CEIP Bispo Guerra e do CEIP Agro do Muíño, e puxeron a funcionar a súa imaxinación nesta batalla de ideas e contos, ofrecéndonos deste modo unha manchea de relatos cos personaxes da baralla. Read the rest of this entry ?
Hoxe en día as novas tecnoloxías permítennos cousas que ata hai ben pouco eran impensables. Por exemplo, poderiamos sobrevoar o concello de Ames sen nin sequera movernos da cadeira. Mais, cando queremos coñecer un lugar de verdade, só podemos facelo percorrédoo polo miudo, de vagar, escoitando a súa xente… E iso é o que vos propoñemos de seguido. Escoitade o que contan os nenos e nenas de Ames sobre o lugar onde viven, e aprendede a ver a xeografía, o espazo e a paisaxe a través da ollada dos nenos. Unha escoita indispensable para os que queiran construir un mundo mellor.
PALABRAS NO AR chega ao colexio de Ventín, no Milladoiro. O traballo do obradoiro de oralidade estivo enfocado na tradición, pero non para lela ou repetila simplemente. Nesta ocasión, nós mesmos fomos creadores de tradición e aportamos novos versos a unhas cantas coplas tradicionais. Lede as creacións dos nenos e nenas deste centro escolar do Concello de Ames.
Prestade moita atención. As mozas e mozos de Barouta ofrécennos para este blog da campaña PALABRAS NO AR un conxunto de fermosos contos. Estes relatos contados ao xeito de Batalla de naipes -unha obra de Juan Ignacio Pérez- teñen por obxecto reescribir e reinventar a historia que Filomena Fraga nos contaba sobre a relación que a súa nai tivera co Pazo da Peregrina, onde traballara como ama de cría. Nesta ocasión, o obradoiro de escrita mistura a tradición coa propia Historia para elaborar unhas novas e tenras fábulas, e para traspasar con elas os muros do pazo. Así conectamos coa memoria, que Filomena tamén nos achega no seu libro, titulado A cancela. Pasado, presente e futuro, unidos co fío da imaxinación
O derradeiro obradoiro de oralidade celebrado en Ames contou cunha convidada moi especial: Dona Filomena Fraga. Labradora, narradora, poeta… Mais, por riba de todo, Filomena foi -e segue sendo- unha muller “curiosa” que atesoura unha valiosa sabedoría froito dunha vida chea de experiencias. Filomena é unha persoa moi cercana e xenerosa que non dubidou en achegarse ao Pazo da Peregrina para lembrar tempos pasados cos nenos do CEIP Bispo Guerra. Ata nos contou que a súa nai traballara alí, nese nobre lugar, hai moito, moito tempo… Escoitade as palabras desta muller excecional, a preguntas dos nenos e nenas de 4º curso de Educación Primaria.
Mara tivo unha idea extraordinaria: convidarvos a xantar! Por iso pediulles axuda aos nenos e nenas de Ames -estupendos cociñeiros da imaxinación e das palabras- para que lle confeccionaran uns saudables e orixinais menús que poderedes ir degustando nos vindeiros días. Velaquí a primeira proposta gastronómica-literaria. Non dubidedes en probala. Bo proveito!
Desta volta, os nenos e nenas que participaron na derradeira sesión de contos e música celebrada en Ames, levaron as nosas PALABRAS ata o CEIP Agro do Muiño. Pero coidamos que non viñeron sós…
O Pazo da Peregrina estase a converter estes días nun lugar cheo de PALABRAS para recibir aos cativos do concello. Contamos contos e cantamos con eles, escoitamos e viaxamos coa imaxinación -como se facía antano- cos relatos á carón da lareira, sentindo o calorciño do lume e o eco da voz. Velaquí unha mostra. Esta presentación fotográfica resume a visita dos nenos e nenas das Escolas de Educación Infantil do Milladoiro, Bugallido, A Tarroeira, Covas e Agrón durante os días 7 e 8 de outubro.
…E así foi. Os nenos e nenas de do CEIP Bispo Guerra de Bertamiráns aproveitaron unha escampadiña para sair dos autobuses que os levaron ata o Pazo da Peregrina, para participaren nas sesións de contos con música programadas en PALABRAS NO AR. E abofé que mereceu a pena!
Desafiando a choiva e o vento do outono, comezaron as actividades de animación lingüística de PALABRAS NO AR no concello de Ames. E os primeiros en chegar ao Pazo da Peregrina para participar nas sesións de contos e música foron os nenos e nenas do CEIP de Barouta.
You are currently browsing the archives for the Ames category.
PALABRAS NO AR é a campaña de dinamización lingüística promovida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación da Xunta de Galicia e desenvolvida por KALANDRAKA EDITORA.