Aquí tedes un novo xogo de adiviñas, nesta ocasión froito do traballo dos nenos e nenas do CEIP Figueiroa da Estrada nun dos talleres de oralidade de PALABRAS NO AR. Facede como Xan, collede unha boa lente e aventurádevos no coñecemento desta clase de veciños que ás veces pasan inadvertidos.
Escoitade ben porque nesta ocasión ofrecémosvos un par aventuras que forman parte da longa historia da Rapa das bestas, festa centenaria do lugar de Sabucedo, en A Estrada, e que nos son achegadas polas nenas e nenos do CEIP Figuieroa. Estas historias recrean unha parte da festa grazas á proposta de Batalla de naipes para o obradoiro de escrita creativa nesta campaña da editorial Kalandraka. Os personaxes da baralla achégannos nesta ocasión unha parte da nosa propia historia…
De entre os buxos do Pazo de Oca chégannos estas historias escritas polos alumnos do Ceip Figueroa no obradoiro de escrita creativa da campaña PALABRAS NO AR. Relatos fermosos elaborados a partir da proposta de Batalla de naipes e que nos levan por lugares capaces de nos facer perder a memoria. Moito ollo, amarrade ben os vosos recordos porque poden desaparecer sobre as augas do esquecemento.
PALABRAS NO AR traevos hoxe unha nova proposta da man dos nenos e nenas do CEIP Pérez Viondi. Convertédevos en xuices deste divertido concurso para atopar a mellor descripción da vila de A Estrada. E quen sabe … quizais descubramos algún xenio da publicidade.
Carola, a galiña da bufanda azul, ten conta dos nosos creadores e grazas ao seu aXexo creamos un novo mundo de batallas. Chega outro capítulo de Batalla de naipes, baseado no libro de KALANDRAKA, da man das alumnas e alumnos do CEIP Figueroa, da Estrada. Emocionantes aventuras dos nosos queridos personaxes da baralla que, desta vez, queren ser persoas normais, que acaban no hospital, e mesmo descobren familiares que tiñan perdidos. Botádelle unha ollada a estes relatos que nos achegan ao fantástico mundo que se agocha tralos reis, cabalos, ouros, sotas e espadas.Read the rest of this entry ?
O carteiro real xa nos trouxo os cinco programas de PALABRAS NO AR emitidos en Radio Estrada para pór á vosa disposición no blog. Non vos perdades o que teñen que contar os nenos e nenas deste concello sobre o lugar onde viven. E coma sempre, contos, músicas, coplas, adiviñas, refráns, orixinais receitas de cociña, historias de intriga pacega… seguen presentes nas nosas emisións.
Accedede aos programas na barra lateral do blog ou desde a propia páxina web da emisora.
PALABRAS NO AR está de noraboa. Celebramos a ‘entrada’ número 100 deste blog, co que facemos un seguemento constante á campaña de dinamización lingüística coa que KALANDRAKA está percorrendo a xeografía galega. Queremos compartir este logro con toda a comunidade escolar, cos bibliotecarios e libreiros, cos lectores cativos e grandes que visitan este modesto recuncho da rede. Ogallá haxa cen motivos máis para seguir festexando o achegamento dos nenos e nenas galegos á nosa lingua e á nosa cultura. Moitas grazas por acompañarnos neste fermoso camiño de palabras, músicas e voces.
Quen é? preguntarédesvos todos. Ben, todos, todos… non. Os nenos e nenas do CEIP O Foxo coñecen ben a FUXÚ, un trasno da especie ‘furabolos’ que traballa de bibliotecario na súa escola dende tempos remotos. Fuxú leva por nome “a voz do vento” e, como o todos os superheroes, ten unha misión: ser “ferreiro de estrelas”, “canteiro de astros celestes”, “carpinteiro dos soños”. Estamos seguros de que escoitou con atención todos os contos que Pablo e Patricia contaron e cantaron no Foxo, porque neles non faltaron estrelas, astros e soños.
O CEIP de Figueiroa foi o seguinte destino do equipo de PALABRAS NO AR na súa estadía no Concello da Estrada. Rodeado de castiñeiros, este colexio agocha no seu interior unha acolledora biblioteca, onde tivemos a sorte de atopar unha amiga moi especial: a GALIÑA CAROLA. Ela acompañounos durante o tempo que estivemos alí cos nenos e nenas de Infantil e 1º de Primaria. E levou algunha que outra sorpresa…
A segunda etapa de PALABRAS NO AR no Concello da Estrada chegou moi pretiño do seu coñecido pazo de xardíns marabillosos: o colexio de Oca. Na biblioteca agardaban todos os nenos e nenas, desde os máis pequerrechos de Educación Infantil ata os maiores de 6º de Primaria, para escoitar contos, música e cantar con Pablo e Patricia. Pero alí, descubrimos a un pequeno amigo moi especial…
A primeira visita de PALABRAS NO AR no Concello da Estrada foi ao colexio de Codeseda, o CEIP Cabada Vázquez. Así estiveron todos os nenos e nenas durante o tempo que durou a sesión de contos e música: coas orellas ben abertas e o cu ben pegado no chan. Seguide lendo este artigo e descubriredes o que alí aconteceu…
A sexta etapa da Campaña de Animación Lingüística PALABRAS NO AR, que realiza KALANDRAKA, comeza o vindeiro luns día 19 na Estrada. Esta iniciativa, que se enmarca no programa ‘Bocaberta’ da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta, achegará sesións de contos e música, obradoiros de oralidade e de escrita creativa, para escolares de tres a once anos de idade. As actividades celebraranse ata o venres 30 deste mes e participarán máis de 800 escolares pertencentes aos CEIP do Foxo, de Figueiroa, de Oca, e os CEIP Cabada Vázquez, Pérez Viondi e Manuel Villar Paramá.
Hoxe estreamos unha nova sección no blog de PALABRAS NO AR para o que agardamos contar coa vosa inestimable colaboración: A ENQUISA.
Neste novo espazo preguntaremos a vosa opinión sobre diferentes aspectos do desenvolvemento da campaña. E para comezar propoñemos que nos digades cal dos contos de PALABRAS NO AR é o que máis vos gusta.
Buscade máis abaixo na barra lateral o lugar onde podedes facer a vosa escolla.
KALANDRAKA participa na campaña de Dinamización Lingüística “Bocaberta”, da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta, cun programa renovado de actividades co lema PALABRAS NO AR, dirixido a uns 7.000 escolares de Educación Infantil e Primaria de nove concellos galegos: Fene, Monforte, Santiago, Ames, Allariz, A Estrada, Redondela, Culleredo e Cambados. O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, presentou hoxe en Compostela a campaña “Bocaberta”.
You are currently browsing the archives for the A Estrada category.
PALABRAS NO AR é a campaña de dinamización lingüística promovida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación da Xunta de Galicia e desenvolvida por KALANDRAKA EDITORA.