
Arquivo de Outubro, 2009

NO FOXO CO ‘CARPINTEIRO DOS SOÑOS’
Outubro 27, 2009
Quen é? preguntarédesvos todos. Ben, todos, todos… non. Os nenos e nenas do CEIP O Foxo coñecen ben a FUXÚ, un trasno da especie ‘furabolos’ que traballa de bibliotecario na súa escola dende tempos remotos. Fuxú leva por nome “a voz do vento” e, como o todos os superheroes, ten unha misión: ser “ferreiro de estrelas”, “canteiro de astros celestes”, “carpinteiro dos soños”. Estamos seguros de que escoitou con atención todos os contos que Pablo e Patricia contaron e cantaron no Foxo, porque neles non faltaron estrelas, astros e soños.

ASÍ É ONDE EU VIVO
Outubro 27, 2009Hoxe en día as novas tecnoloxías permítennos cousas que ata hai ben pouco eran impensables. Por exemplo, poderiamos sobrevoar o concello de Ames sen nin sequera movernos da cadeira. Mais, cando queremos coñecer un lugar de verdade, só podemos facelo percorrédoo polo miudo, de vagar, escoitando a súa xente… E iso é o que vos propoñemos de seguido. Escoitade o que contan os nenos e nenas de Ames sobre o lugar onde viven, e aprendede a ver a xeografía, o espazo e a paisaxe a través da ollada dos nenos. Unha escoita indispensable para os que queiran construir un mundo mellor.

REFACENDO TRADICIÓNS NO COLEXIO DE VENTÍN
Outubro 26, 2009
PALABRAS NO AR chega ao colexio de Ventín, no Milladoiro. O traballo do obradoiro de oralidade estivo enfocado na tradición, pero non para lela ou repetila simplemente. Nesta ocasión, nós mesmos fomos creadores de tradición e aportamos novos versos a unhas cantas coplas tradicionais. Lede as creacións dos nenos e nenas deste centro escolar do Concello de Ames.

UNHA INESPERADA SORPRESA PARA A ‘GALIÑA CAROLA’
Outubro 23, 2009
O CEIP de Figueiroa foi o seguinte destino do equipo de PALABRAS NO AR na súa estadía no Concello da Estrada. Rodeado de castiñeiros, este colexio agocha no seu interior unha acolledora biblioteca, onde tivemos a sorte de atopar unha amiga moi especial: a GALIÑA CAROLA. Ela acompañounos durante o tempo que estivemos alí cos nenos e nenas de Infantil e 1º de Primaria. E levou algunha que outra sorpresa…

ENTRE OS MUROS DO PAZO DA PEREGRINA
Outubro 22, 2009
Prestade moita atención. As mozas e mozos de Barouta ofrécennos para este blog da campaña PALABRAS NO AR un conxunto de fermosos contos. Estes relatos contados ao xeito de Batalla de naipes -unha obra de Juan Ignacio Pérez- teñen por obxecto reescribir e reinventar a historia que Filomena Fraga nos contaba sobre a relación que a súa nai tivera co Pazo da Peregrina, onde traballara como ama de cría. Nesta ocasión, o obradoiro de escrita mistura a tradición coa propia Historia para elaborar unhas novas e tenras fábulas, e para traspasar con elas os muros do pazo. Así conectamos coa memoria, que Filomena tamén nos achega no seu libro, titulado A cancela. Pasado, presente e futuro, unidos co fío da imaxinación

MIROLEO E A PAXARIÑA DE PAPEL
Outubro 21, 2009
A segunda etapa de PALABRAS NO AR no Concello da Estrada chegou moi pretiño do seu coñecido pazo de xardíns marabillosos: o colexio de Oca. Na biblioteca agardaban todos os nenos e nenas, desde os máis pequerrechos de Educación Infantil ata os maiores de 6º de Primaria, para escoitar contos, música e cantar con Pablo e Patricia. Pero alí, descubrimos a un pequeno amigo moi especial…

CONTOS E MÚSICA EN CODESEDA
Outubro 20, 2009
A primeira visita de PALABRAS NO AR no Concello da Estrada foi ao colexio de Codeseda, o CEIP Cabada Vázquez. Así estiveron todos os nenos e nenas durante o tempo que durou a sesión de contos e música: coas orellas ben abertas e o cu ben pegado no chan. Seguide lendo este artigo e descubriredes o que alí aconteceu…

FILOMENA FRAGA EN ‘PALABRAS NO AR’
Outubro 20, 2009
O derradeiro obradoiro de oralidade celebrado en Ames contou cunha convidada moi especial: Dona Filomena Fraga. Labradora, narradora, poeta… Mais, por riba de todo, Filomena foi -e segue sendo- unha muller “curiosa” que atesoura unha valiosa sabedoría froito dunha vida chea de experiencias. Filomena é unha persoa moi cercana e xenerosa que non dubidou en achegarse ao Pazo da Peregrina para lembrar tempos pasados cos nenos do CEIP Bispo Guerra. Ata nos contou que a súa nai traballara alí, nese nobre lugar, hai moito, moito tempo… Escoitade as palabras desta muller excecional, a preguntas dos nenos e nenas de 4º curso de Educación Primaria.

MARA CONVÍDAVOS A MÁIS MENÚS
Outubro 16, 2009
Velaquí o cocido de ceros, gorentoso primeiro prato saído da cociña de Riki Blanco e José Antonio Ramírez Lozano, autores de “Sopa de soño e outras receitas de cocociña“. Descubride outros extraordinarios menús preparados polos máis experimentados gourmets.

DERRADEIRO ‘PALABRAS’ EN ALLARIZ
Outubro 16, 2009
O equipo de PALABRAS NO AR depídese de Allariz coa emisión do derradeiro programa radiofónico no que Olalla González e Marc Taeger, autores de “Garavanciño“, envían un agarimoso saúdo para todos os nenos e nenas da vila. Agradecemos a colaboración de todos os que participastes nas acticidades e, especialmente, ao equipo de Cultura do Concello e á Radio Municipal de Allariz pola súa axuda e complicidade.
Continuade atentos ás PALABRAS NO AR.

E DE AMES, AO CONCELLO DA ESTRADA
Outubro 16, 2009
A sexta etapa da Campaña de Animación Lingüística PALABRAS NO AR, que realiza KALANDRAKA, comeza o vindeiro luns día 19 na Estrada. Esta iniciativa, que se enmarca no programa ‘Bocaberta’ da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta, achegará sesións de contos e música, obradoiros de oralidade e de escrita creativa, para escolares de tres a once anos de idade. As actividades celebraranse ata o venres 30 deste mes e participarán máis de 800 escolares pertencentes aos CEIP do Foxo, de Figueiroa, de Oca, e os CEIP Cabada Vázquez, Pérez Viondi e Manuel Villar Paramá.

O CUARTO ‘PALABRAS’ DE ALLARIZ, XA NO BLOG
Outubro 15, 2009
Xa podedes escoitar o cuarto espazo radiofónico de PALABRAS NO AR directamente neste blog. Non perdades as interesantes reflexións que fai o artista plástico ourensán Pablo Otero a preguntas dos nenos e nenas de Allariz. Na súa intervención, relata cal é súa a relación coa vila do Arnoia. Continuade atentos á frecuencia de Radio Allariz para escoitar mañá o derradeiro programa desta etapa. Haberá máis invitados sorpresa…

OS ORIXINAIS MENÚS DE MARA
Outubro 14, 2009
Mara tivo unha idea extraordinaria: convidarvos a xantar! Por iso pediulles axuda aos nenos e nenas de Ames -estupendos cociñeiros da imaxinación e das palabras- para que lle confeccionaran uns saudables e orixinais menús que poderedes ir degustando nos vindeiros días. Velaquí a primeira proposta gastronómica-literaria. Non dubidedes en probala. Bo proveito!

MÁIS ‘PALABRAS…’ VOANDO POR ALLARIZ
Outubro 14, 2009
O terceiro programa de ‘PALABRAS…’ xa está no ar! E ben seguro que moitos dos que nos seguides dende esta vila ourensá o teredes escoitado, non si? Se non o puidestes facer, non vos apuredes. Podedes descargalo, coma sempre, neste blog, accedendo á sección PROGRAMAS na barra lateral. E continuade atentos a Radio Allariz! No espazo radiofónico de mañá haberá un invitado moi especial que nos vai descubrir cousas sobre o seu traballo e a súa relación coa vila.












