
ALLARIZ TEN… UNHA ‘AMORA’
Setembro 23, 2009
Hoxe comezaron os obradoiros de PALABRAS NO AR en Allariz, coa participación dos nenos e nenas de 3º curso de Educación Primaria do CEIP Padre Feijoo.
Na Biblioteca Municipal, onde se celebran as actividades, o primeiro que fixeron os escolares foi contarnos como ven eles a súa vila: Allariz ten…
Contan as crónicas que foi no barrio de Socastelo, onde -no século XIII e tras diferentes ubicacións- se asentaron definitivamente os xudeus que habitaban na vila. Da súa presenza consérvanse vestixios no urbanismo, na toponimia, nos costumes e nas tradicións, como a FESTA DO BOI, vencellada á historia desta comunidade.
Por este motivo decidimos traer un convidado especial a este primeiro obradoiro de oralidade: o álbum titulado “Amora“.
Con ilustracións de Oscar Villán, a rima recollida e recreada por Anxos Garabana ten a súa orixe nas comunidades xudeas que habitaban en Galicia e no norte de Portugal. Adoitaban cantala no tempo da Pascua, chegando ata os nosos días e incorporada á tradición. Este pobo levouna consigo no seu éxodo e hoxe atopámola nas comunidades sefardís espalladas polo mundo, nas que tamén se conserva unha versión moi semellante:
Estavase la mora en su bel estar
Vinia la moshka por azerle mal.
La moshka a la mora
La mora a la moshka
Meskina la mora
Ke en los kampos mora…
(Versión recollida pola comunidade sefardí de Rodas).
Escoitemos un anaquiño de “Amora”, cantada e contada polos nenos e nenas de Allariz, coa axuda de Alberto Barreiro ao acordeón:














Un conto fantástico! Noraboa aos nenos e nenas de Allariz e tamén a Alberto. Moi bonito o acompañamento co acordeón. Felicidades.