
Ola amigos, son Natalia Colombo, e hai máis ou menos un ano tiven a grandísima sorte de cruzar o mar e coñecer parte de Galicia. A sorte foi aínda maior cando puiden atoparme con moitos nenos que viven aí, e que me recibiron cos brazos abertos. Todo isto grazas a un pato e un coello, que son os que fixeron que eu puidera vivir esta experiencia que non vou esquecer nunca…
Natalia Colombo é a autora e ilustradora de “Cerca”, o álbum gañador do I Premio Compostela de Álbums Ilustrados, que KALANDRAKA editou en sete linguas. Grazas á tecnoloxía, a súa voz -en galego, co seu suave acento porteño- cruzou o Atlántico para soar no espazo radiofónico de PALABRAS NO AR e quedar plasmada neste blog para todos os seguidores da campaña. A mensaxe completa pódese ler e escoitar a continuación…













