Ola amigos, son Natalia Colombo, e hai máis ou menos un ano tiven a grandísima sorte de cruzar o mar e coñecer parte de Galicia. A sorte foi aínda maior cando puiden atoparme con moitos nenos que viven aí, e que me recibiron cos brazos abertos. Todo isto grazas a un pato e un coello, que son os que fixeron que eu puidera vivir esta experiencia que non vou esquecer nunca…
Natalia Colombo é a autora e ilustradora de “Cerca”, o álbum gañador do I Premio Compostela de Álbums Ilustrados, que KALANDRAKA editou en sete linguas. Grazas á tecnoloxía, a súa voz -en galego, co seu suave acento porteño- cruzou o Atlántico para soar no espazo radiofónico de PALABRAS NO AR e quedar plasmada neste blog para todos os seguidores da campaña. A mensaxe completa pódese ler e escoitar a continuación…
Con esta sintonía xa coñecida por todos comeza e remata a derradeira emisión de PALABRAS NO AR en Santiago. Nesta ocasión, chegounos unha sorpresa especial dende a outra beira do Atlántico: Natalia Colombo, autora e ilustradora de Cerca, libro gañador do 1º Premio Compostela de álbum ilustrado, envíanos unha mensaxe de voz para os nenos e nenas composteláns. Non vos parece fantástico? Unha arxentina falando galego ¡
Animádevos a escoitala premendo no seguinte reproductor ou abrindo enlace correspondente da sección Programas na barra lateral.
«Un saúdo moi grande para todos os nenos e nenas de Compostela. Espero vervos moi pronto nos concertos que daremos para presentar o disco Tic-Tac.»
O músico Pablo Díaz, que ameniza cos seus instrumentos as sesións de contacontos de KALANDRAKA, é un dos protagonistas de PALABRAS NO AR. Á volta do verán publicarase neste selo editorial o seu primeiro libro-disco, “Tic-Tac”, con ilustracións de Marc Taeger…
Continuade atentos aos vosos receptores para sintonizar unha nova entrega de PALABRAS NO AR a través da Cadea SER en Santiago de Compostela. Nesta ocasión as historias mediavais portagonizadas por reis, príncipes e princesas inspiradas na obra Batalla de naipes teñen especial protagonismo. Sabedes que en Santiago hai unha igrexa onde habitan as catro sotas da baralla? Pois para saber máis, escoitade aquí o que vos contan os nenos e nenas compostelás.
E recordade: a seguinte emisión trasladouse ao LUNS 20 DE XULLO ÁS 13:40 HORAS.
Continúan as emisións de PALABRAS NO AR en Santiago a través da frecuencia de Radio Galicia-Cadea SER . Os nenos e nenas compostelás seguen a mostrar a súa creatividade ofrecéndonos historias elaboradas nos obradoiros de oralidade e de escrita a partir das propostas do equipo de KALANDRAKA. O invitado nesta ocasión é Xulio Gayoso, autor e ilustrador de A banda de Vilacendoi, conto que serve de elmento conductor do programa de hoxe. Animádevos a escoitalo premendo o reproductor.
Agardámosvos na seguinte entrega de PALABRAS NO AR.
Un aviso para todos os seguidores de PALABRAS NO AR a través das ondas: por axustes de programación da cadea, o noso programa trasladou o seu horario de emisión das 13:15 horas previstas ás 13:40 horas.
Tamén indicarvos que a emisión prevista para o venres día 17 sairá a antena o luns 20 de xullo no novo horario.
De todos os xeitos, poderedes escoitar os programas no noso blog como é habitual.
PALABRAS NO AR continúa a súa viaxe polas ondas coa emisión do segundo programa en Santiago de Compostela. Nesta ocasión, ademáis das creacións dos nenos e nenas que participaron nos obradoiros, contamos coa presenza como invitado de honra de Pablo Díaz. Gaiteiro, cantante, mestre de música e baile tradicional, Pablo leva varios anos contando e cantando historias por centos de escolas de Galicia. Ademáis, é o interprete e compositor de TIC-TAC, tema de cabeceira do noso programa e que dará título ao libro-disco que KALANDRAKA editará nos próximos meses e que poderá acompañarvos neste Nadal.
Queredes escoitar o programa? Pois velaquí o tedes:
Recordade que podedes escoitar todas as nosas emisións no apartado PROGRAMAS de este blog .
Ata pronto e non esquezaces enviarnos os vosos comentarios.
Velaquí os tedes: Paz Castro e Alberto Barreiro. Os condutores do noso programa están esta vez nos estudios de Radio Galicia, a emisora da Cadea SER en Santiago, para dar paso ás voces dos nenos e nenas composteláns que veñen de participar nas actividades de dinamización lingüística de PALABRAS NO AR organizados nesta cidade por KALANDRAKA e pola Secretaría Xeral de Política Lingüística no marco das Escolas Municipais de Verán. Podedes seguir as emisións de PALABRAS NO AR ás 13:15 horas dende o luns 13 ata o venres 17 de xullo a través da frecuencia da Cadea SER de Santiago de Compostela (95,2 FM/873 OM) ou tamén na sección PROGRAMAS do noso blog.
Poñede a orella e non os perdades. Agardámosvos!
Escoitade o primeiro dos programas activando este reproductor.
PALABRAS NO AR segue a deparar sorpresas marabillosas. Hai algúns días, atopamos un importante achado: un antigo libro que durmía no faiado dunha vella escola en Santiago de Compostela. Despois de limpalo con moito agarimo, puidemos abrir as súas páxinas e descubrir que se trataba dun libro galego de refráns recollidos por un mestre de escola hai máis de 200 anos . Pero… o tempo non pasa en balde, e naquel libro había liñas que non podiamos ler por mor das manchas que a humidade foi deixando co paso dos anos. Con moito traballo e coa axuda dos nenos e nenas composteláns, puidemos recompoñer as liñas que faltaban. E pareceunos un labor tan divertido, que tamén volo propoñemos a vós. Descubride:
Ola, son Paula Carballeira, e quería mandar un saúdo a todas as nenas e nenos, especialmente aos de Fene e das parroquias. Moitos bicos, grazas por participar en PALABRAS NO AR, e que as vosas palabras voen polos aires e poida escoitalas eu aquí, en Santiago de Compostela.
Ás beiras do santuario de san Lázaro, no barrio das Fontiñas, as nenas e nenos da escola de verán de Compostela fixeron un alto nas súas actividades ao aire libre para agasallarnos con un novo recetario cheo de orixinalidade e preparado para os padais máis exquisitos.
Esta proposta parte do libro Sopa de soño de J.A. Ramírez Lozano que ofrece orixinais e surrealistas receitas como a que podedes escoitar a continuación na voz dun pequeno das Fontiñas
Hoxe estreamos unha nova sección no blog de PALABRAS NO AR para o que agardamos contar coa vosa inestimable colaboración: A ENQUISA.
Neste novo espazo preguntaremos a vosa opinión sobre diferentes aspectos do desenvolvemento da campaña. E para comezar propoñemos que nos digades cal dos contos de PALABRAS NO AR é o que máis vos gusta.
Buscade máis abaixo na barra lateral o lugar onde podedes facer a vosa escolla.
Chámome Xulio Gayoso e son o autor de “A banda de Vilacendoi”, do que fixen o texto e as ilustracións. Son de Lugo e vivo actualmente en Cambados, nas Rías Baixas. E quero mandar un saúdo moi especial aos nenos e nenas de Monforte de Lemos, que é unha zona para min moi querida porque representa un espazo moi importante da Galicia interior, onde eu tiven grandes amigos. Un amigo meu inesquecible foi Manuel María, e a súa muller Saleta, que me acolleron moitas veces na súa casa, sobre todo na época das festas de Monforte. Por tanto, en Monforte fun moi feliz.
Os alumnos da Escola Municipal de Verán de Santiago de Compostela que se desenvolve no CEIP das Fontiñas estiveron e traballar un pouquichiño coas coplas. Neste obradoiro organizado por KALANDRAKA no marco da campaña Bocaberta, que parte da proposta de “A banda de Vilacendoi“, as nenas e nenos tiveron a oportunidade de reescribir parte da nosa tradición oral grazas a un exercicio no que eles mesmos inventaron unha parte dos versos.
Sorpresa! Hoxe asómase ao blog de PALABRAS NO AR unha invitada moi especial que nos visita dende moi lonxe, da outra beira do Atlántico, en Bos Aires. Ata aló chega o eco das PALABRAS NO AR coas que nos agasallan os nenos e nenas de Santiago, Monforte e Fene. Estes últimos, pertencentes ao CEIP As Centieiras, de Perlío, elaboraron unha historieta cos protagonistas de “Cerca”, o álbum de Natalia Colombo. Un “paxariño” pioulle a existencia deste traballo á autora e ilustradora do libro gañador do I Premio Compostela, que lles envía unha agarimosa mensaxe…
Agora estás buscando o Palabras no ar archivos do blog por Xullo, 2009
PALABRAS NO AR é a campaña de dinamización lingüística promovida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación da Xunta de Galicia e desenvolvida por KALANDRAKA EDITORA.